viernes, 16 de octubre de 2009

Racións para deseñar un infográfico

O pasado martes enfrontámonos ao primeiro reto de deseñar un bosquexo de infográfico cun tema do máis apetecible: Como cortar o xamón.
Cuestión: que facer? Coido que todos coincidimos no mesmo, en debuxar un xamón e logo ir engadindo cousiñas tiradas do corpo da noticia, tal e como se estivésemos arredor dunha ración deste preciado manxar e cada un de nós fose pondo escarvadentes (que non palillos) un pouco ao chou.
O primeiro problema foi como organizar a información da que dispoñíamos e dispola nun esquema. Arredor do xamón non casaba ben pór como foi o concurso de cortadores de xamón do norte de Galicia. Iso xa estaba claro na noticia.
Facelo visible non foi moi complexo, xa que, con maior ou menor destreza, tivemos claro que unha perna de porco resolvía as nosas necesidades.
Neste caso, para establecer un contexto, só había que remitirse ao titular tanto da nova como ao que puxeramos ao noso infográfico.
Outro cantar xa foi a cuestión da simplificación. Unha cousa foi facer visible o xamón e outra facelo recoñecible. Se ademais cargamos o gráfico de frechas que fan referencia a temas do máis variado, afastámonos do obxectivo dunha lectura rápida e eficaz.
Por se non quedara claro que o gráfico fai referencia ao xamón, a redundancia entra en acción. Non está de máis que nas pequenas frases que ilustran o infográfico se lembre ao lector o tema do que falamos, sen ser pesados.
O infográfico debe ser un complemento útil no conxunto da información, e non un simple adorno. Por iso, ademais de resultar atractivo, debe ser útil, ou polo menos que quen o vexa poida tirarlle algún partido. Por iso, a causa e o efecto son importantes. Manuela Mariño optou por explicar os cortes de maneira sinxela, a través de incisións clave e direccións de corte.
A comparación e o contraste, no caso do infográfico mostrado na aula, veñen dados polo oso do xamón. Non tería sentido indicar as zonas nas que se deben facer os cortes se non mostramos o que o xamón agocha no seu interior. A infografía permítenos facer esas pequenas "manipulacións" que facilitan a narración visual.
E relacionado co anterior está a creación de múltiples dimensións.
E despois de todo isto chega o punto quente, a integración. Que todo o que creamos e engadimos para explicar un proceso ou facer máis visible unha serie de datos sexa coherente. O tema non era moi complexo, polo que con maior ou menor sorte, todos fomos bastante coherentes ao deseñar as nosas infografías. A ninguén se lle ocorreu facer o gráfico sobre coitelos de Albacete ou unha comparativa dos xamoneiros que hai no mercado.
Non debemos esquecer o por que fundamental da infografía. O obxectivo fundamental do gráfico é informar. Así que de nada serve facer un bo debuxo dun xamón de pata negra se o deseño non se comprende ou se non serve nada máis que para encher un oco.
Cortar un xamón non é doado. Facer un infográfico tampouco. Polo de agora queda moito touciño que tirar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario